Financiado por:
/ Portada / Delegados

A CIG lamenta unha nova morte nas obras de construción do AVE en Ourense ao tempo que esixe máis seguridade laboral

05-04-2013 - Seguridade

A CIG manifesta o seu pesar e trasládalle as súas condolencias os familiares do traballador da empresa Vías e Construcións falecido durante a xornada nocturna do luns nas obras do AVE na estrada de Vilar de Barrio a Laza, en Ourense. Ao mesmo tempo, dende a central nacionalista denuncian que a falta de medidas de seguridade e a presión que se exerce sobre os operarios/as “están a provocar situación extremas de perigo” e reclaman un control efectivo por parte da Inspección de Traballo.

O departamento de Saúde Laboral da CIG de Ourense explica que nas obras de construción do AVE na provincia estase a vivir unha situación límite xa que a presión que se exerce sobre os traballadores/as para que a infraestrutura ferroviaria chegue canto antes ao noso país “tradúcese en falta de medidas de seguridade que provocan situacións extremas de perigo”.

En concreto, sinalan a subcontratación, a precariedade laboral, a contratación de persoas de Europa do Leste coma man de obra barata (coas que a dificultade de entendemento e coordinación é diaria), ademais da realización de xornadas de traballo que chegan en algúns casos a 12 horas diarias durante 6 días á semana.

Segundo denuncian, isto acontece sen que exista un control efectivo por parte da Inspección de Traballo, o que motiva estes abusos e a explotación dos traballadores/as, polo que dende a CIG-Ourense esixe un maior control por parte das Administracións, “antepoñendo a prevención e a seguridade das persoas sobre intereses políticos e empresariais”.

Documentos

Nota de prensa. Outro morto máis nas obras de construción do AVE.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS