Financiado por:
/ Portada / Delegados

28 de abril, Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo

26-04-2013 - Manifesto CIG

A seguridade e a saúde laboral, son dereitos fundamentais e polo tanto esenciais e innegociables para o conxunto da clase traballadora. Ámbolos dous conceptos van intimamente ligados e son directamente interdependentes das condicións de traballo establecidas. Neste senso, a actual reforma laboral do goberno do PP consagrouse coma unha elección política e ideolóxica, no marco dun modelo social e económico ultraliberal, que deixou de feito desprotexida e indefensa á maioría social traballadora, perante ao poder absoluto outorgado aos empresarios para desregular e impoñer de xeito unilateral as condicións de traballo nas relación laborais.

Esta agresión brutal e desmedida do Goberno do PP aos dereitos e intereses dos traballadores/as, está a traducirse en numerosas e graves consecuencias: eliminación da protección proporcionada polos convenios colectivos, redución unilateral e inxustificada dos salarios, despidos masivos e arbitrarios, incremento da precariedade laboral, eliminación dos sistemas de protección social, redución da protección por desemprego, limitación dos días de baixa por enfermidade, deterioro e dificultades de acceso á xubilación, redución da cobertura sanitaria, e como era de esperar, minoración ou cando non eliminación das políticas de seguridade e saúde laboral exisibles ás empresas, nun contexto de crise onde os que mandan, en moitos casos consinten a prevalencia dos factores económicos e de produción sobre a seguridade e a saúde laboral dos traballadores/as.

A inseguridade no emprego e o temor xeneralizado a perdelo, con pouca ou ningunha protección social posterior, está a xerar un contexto laboral perigoso e altamente nocivo para a seguridade e a saúde laboral dos traballadores que, unido a niveis de desregulación laboral até agora descoñecidos están a provocar: a organización discrecional dos tempos de traballo por parte dos empresarios, a diminución dos tempos de descanso disponibles, o incremento salvaxe dos ritmos e cargas de traballo ou a eliminación masiva das medidas de conciliación da vida laboral e familiar entre outras consecuencias. Factores estes que están a incrementar exponencialmente os riscos e afectacións psicosociais no só dos traballadores, senon e tamén das súas familias.

A todo isto, por se xa fora pouco, temos que engadirlle  unha situación realmente depauperada do investimento das administracións públicas competentes en materia de prevención de riscos e saúde laboral, que abocan as políticas públicas de prevención á morte por inanición, nun estado como o español, e nun país como a Galiza, no que os orzamentos nesta materia véñense recortando de xeito ininterrumpido nos últimos cinco anos, sen ningún tipo de pudor nin exercicio de responsabilidade política en relación ao marco normativo vixente en materia de prevención.

En tanto en canto, a Comisión Europea esgrime a importancia esencial das políticas de prevención dos riscos laborais para salvaguardar o dereito á saúde e á seguridade dos traballadores europeos, sinalando ademais as políticas de prevención como un factor rentable de desenvolvemento e de extraordinaria importancia para potenciar a economía europea, os Gobernos do PP de eiquí e de acolá, empéñanse en dimunuir social e económicamente as políticas de prevención de riscos laborais, á vez que instrumentan obsesivamente políticas antisociais e de desartellamento dos sistemas de protección social.

Mención especial neste delirante proceso, merece o recente proxecto de Real decreto, a través do cal o Goberno do PP pretende outorgar ás mutuas (entidades privadas de carácter empresarial) a facultade de control e proposta de alta médica dos traballadores/as en situación de incapacidade laboral transitoria por continxencia común, conculcando gravemente o dereito fundamental á saúde e á protección social, e usurpando a plena competencia nesta materia aos Servizos Públicos de Saúde.

É claro e manifesto que as consecuencias da reforma laboral están a supoñer un impacto devastador no deterioro das condicións de traballo, na seguridade no desenvolvemento do mesmo, e na saúde laboral e social do conxunto da poboación.

Desde a CIG apostamos desde sempre por un novo modelo de País. Unha Galiza con capacidade para exercer o seu dereito a decidir, con auténtica capacidade para autogobernarse e traballar a prol do noso pobo e dos nosos sectores produtivos; de desenvolver e consensuar socialmente, un marco propio de relacións laborais moito máis seguro, xusto e quilibrado; de dotarnos dun modelo político moito máis transparente, democrático e participativo; moito máis sustentable, autocentrado e redistributivo no económico, e máis solidario, xusto e igualitario no social.

Un novo modelo político, económico e social en definitiva, centrado na gran maioría social do noso País: nos traballadores e traballadoras.

Un saúdo nacionalista e de clase.

 

Antolín Alcántara Álvarez

Secretario Confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral

Confederación Intersindical Galega (C.I.G.)

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS