Financiado por:
/ Portada / Actuación preventiva

Proposta para a definición de perturbador endocrino logo de tres anos de demora

11-07-2016 - Comisión Europea

Logo de tres anos de eludir unha definición dos perturbadores endocrinos, tamén denominados disruptores ou alteradores do sistema hormonal, e cal debe ser o procedemento para a súa identificación, a Comisión Europea acordou o pasado 15 de xuño os criterios para identificar os alteradores endocrinos nos ámbitos dos praguicidas e os biocidas. A Health and Environment Alliance (HEAL), no que se inclúen 70 Ong europeas relevantes en materia de saúde e medioambiente, federacións médicas europeas e grupos científicos, amosou o seu desgusto unha vez coñecida a posición da Comisión, indicando nun comunicado que logo do atraso de tres anos, os criterios propostos "non protexerán preventivamente das enfermidades que estes disruptores orixinan no sistema endocrino".

A Comisión presentou dous proxectos lexislativos nos que se definen os criterios para a identificación dos alteradores endocrinos: unha norma aplicable ás sustancias químicas encadradas na regulación de produtos biocidas e outra relativa aos productos fitosanitarios; así mesmo, dentro do material presentado, Inclúese un informe de avaliación de impacto que presenta os coñecementos científicos actuais en relación con distintos criterios para identificar os alteradores endocrinos e proporciona información sobre as posibles consecuencias.

Segundo a HEAL, a postura da Comisión é un desastre pois non conta cos datos de probas atopados en animais; "Os requirimentos para identificar os disruptores endocrinos son tan estritos, e a esixencia probatoria tan alta que sufriremos anos de danos á saúde antes de que moitos disruptores sexan identificados e prohibidos". Indican así mesmo que a lexislación que se require en Europa é que os perturbadores químicos que "poidan causar efectos adversos sexan prohibidos". A HEAL pide que se bloqueen as propostas da Comisión ata que non sexas melloradas: " o criterio debe incluír a definición da OMS de potenciais disruptores endocrinos e debe eliminarse a consideración de exposición despreciable que aparece no capítulo de pesticidas".


Tampouco está satisfeito con esta proposta da Comisión, aínda que por outros motivos, o lobby químico dos pesticidas (ECPA), un dos máis poderosos do mundo, no que están incluídas as empresas alemás Bayer e Basf.  Amosan o seu rechazo argumentando que "os criterios non distinguen entre as substancias que poden causar un dano real e outras que non entrañan unha ameaza para a saúde. Isto podería orixinar a prohibición dalgúns produtos protectores de cultivos con propiedades disruptoras endocrinas que tamén se atopan en produtos de consumo diario como o café. Entendemos o interese púlbico sobre este asunto, pero cremos que o que se necesita é unha proposta que se centre nas substancias que causan dano, pola contra privaremos aos agricultores de produtos  que lles permiten conseguir comida saudable, a bo prezo e de maneira sustentable".

O retraso en definir e elaborar estos criterios supuxolle á Comisión Europea unha condea do Tribunal Europeo de Xustiza, así como o voto de censura do Parlamento Europeo.

Máis información

- Criterios científicos para identificar os alteradores endocrinos nos ámbitos dos praguicidas e os biocidas. Comisión Europea (nota de prensa)

- Disruptores endocrinos. Comisión Europea

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS