Financiado por:
/ Portada / Actuación preventiva

ISO lanza o borrador de Norma internacional de Seguridade e Saúde no Traballo

29-07-2014 - Xestión preventiva

A Organización Internacional de Normalización (ISO) publicou o primeiro borrador da futura Norma internacional ISO 45001 de Sistemas de Xestión da Seguridade e Saúde no Traballo, o ISO/CD 45001 (Committee Draft), en cuxa elaboración participan expertos de 66 países do mundo, incluíndo polo Estado español técnicos de AENOR.

Nesta fase, os expertos do Comité Internacional responsable do desenvolvemento desta Norma, o ISO PC 283, poderán realizar comentarios ao documento, cuxa publicación definitiva está prevista para finais de 2016.



Até entón, a ISO 45001 pasará por distintas fases. Segundo o calendario previsto, en xuño de 2015 publicarase o DIS (Draft International Standard), un documento aberto aos comentarios de todos os interesados, que no Estado español poderán facelo a través da web de AENOR. Posteriormente, abordarase o Final DIS, como paso previo á publicación da versión final da Norma.



A ISO 45001 establecerá os requisitos para implantar un Sistema de Xestión da Seguridade e Saúde no Traballo, que axudará a previr riscos laborais e aqueles relacionados coa saúde no seo das organizacións, apostando pola mellora continua.



O borrador da futura ISO 45001 recolle a maioría dos requisitos de OHSAS 18001. Adicionalmente, a futura Norma porá máis énfase no contexto da organización e reforzará o papel da alta dirección no liderado do Sistema de Xestión da Seguridade e Saúde no Traballo.



Doutra banda, a futura ISO 45001 terá unha estrutura común cos sistemas de xestión descritos noutras normas, como a ISO 9001 de Xestión da Calidade ou a ISO 14001 de Xestión Ambiental, actualmente en revisión.



AENOR é a entidade legalmente responsable do desenvolvemento das Normas técnicas no Estado español e representante ante ISO.



Máis de 90.000 organizacións de todos os sectores de actividade e de todos os tamaños, de 127 países implantaron e certificaron un Sistema de Xestión da Seguridade e Saúde no Traballo, a maior parte conforme a OHSAS 18001.



"Desde que AENOR, como entidade de referencia en certificación, concedese o seu primeiro certificado OHSAS hai 10 anos, a evolución está a ser moi positiva; de feito, converteuse na terceira certificación de Sistemas que supera os 1.000 certificados -xunto a ISO 9001 de Xestión da Calidade e ISO 14001 de Xestión Ambiental- sendo das tres, a que con maior rapidez o ten acadado", sinala AENOR nun comunicado.

 

Fonte: rhsaludable.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS