Financiado por:
/ Portada / Actuación preventiva

A potestade de dar altas médicas atrasa a reforma das mutuas

28-04-2014 - MUTUAS

Entre os plans do Ministerio de Emprego sempre estivo aprobar na primeira metade de 2014 a nova regulación das Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais, que son entidades colaboradoras da Seguridade Social que xestionan xa as baixas laborais de preto do 90% dos traballadores.

Non obstante, a nova regulación destas entidades rexistra constantes e sucesivos atrasos. Sen ir máis lonxe, estaba previsto que o anteproxecto de lei fose mañá venres ao Consello de Ministros pero finalmente non será así. A súa aprobación volverá pospoñerse, segundo fontes que negocian esta nova normativa.

Os responsables do Ministerio de Emprego mantiveron na tarde do martes unha reunión con representantes da patronal CEOE-Cepyme e os sindicatos CCOO e UXT para expoñerlles a situación pola que atravesa o proxecto de lei cuxa última versión é de hai tres meses, rexeitada frontalmente polos sindicatos.

Segundo fontes coñecedoras do contido deste encontro, o secretario de Estado da Seguridade Social, Tomás Burgos, expuxo aos axentes sociais que na última versión do anteproxecto de lei que está a elaborar o seu departamento, xa non aparece a posibilidade, que se daba nun borrador anterior, de que as mutuas propuxesen a alta aos médicos de familia que emitiran a baixa a través da Inspección médica dos Servizos Públicos de Saúde. E este tería cinco días para contestar e aceptar a proposta de alta da mutua ou denegala e xustificalo. No caso de non se pronunciar neses cinco días, os médicos das mutuas poderían dar a alta ao traballador.

Esta proposta de Emprego, que contaba co respaldo dos empresarios de CEOE, foi rexeitada de plano polos sindicatos. Ademais, segundo fontes do sector, esta intención de dar máis poder aos facultativos das mutuas topouse con problemas legais relacionados coas competencias dos médicos de cabeceira dependentes dos servizos de saúde das comunidades autónomas. E tamén co rexeitamento do Ministerio de Sanidade, que teme a oposición dos médicos, reactivando unha nova rebelión das batas brancas, segundo fontes do sector.

Ante isto, o novo texto que prepara Emprego limítase a reducir a cinco días o prazo no que a Inspección médica do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) -en lugar dos servizos rexionais de saúde- debe responder se acepta ou non a proposta de alta dunha mutua. Pero se non responde, o silencio administrativo significará que o facultativo da mutua poida dar a alta ao traballador.

Non obstante, a Oficina Económica do Goberno é a que, tras este cambio, paralizou a aprobación deste proxecto de lei e os seus responsables queren ser os que teñan a última palabra. Por iso, nin os sindicatos -que apoiarían esta renuncia-, nin os empresarios, que son contrarios a ela, queren posicionarse ata que teñan un texto por escrito.

 

Fonte: Cinco Dias

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS