Financiado por:
/ Medio ambiente

Simplificación administrativa dos procedementos para facer fronte á deterioración ambiental

30-11-2012 - LEXISLACIÓN

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA) establecerá un procedemento de actuación "claro e sinxelo" co que facer fronte "dende o primeiro momento á deterioración ambiental", segundo asegurou a Directora Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Medio Natural, Guillermina Yanguas, durante a súa intervención nunha sesión técnica sobre responsabilidade ambiental celebrada en Madrid esta semana no marco do Congreso Nacional do Medio Ambiente (CONAMA).

Neste sentido, Yanguas recordou que a normativa de responsabilidade ambiental fixa en España un réxime administrativo baseado nos principios de prevención de danos e de que quen contamina paga.

O Ministerio, segundo anunciou, avanza na revisión do marco normativo para adecualo á actual situación co obxectivo de "simplificar e reducir as cargas administrativas tanto aos operadores coma ás administracións públicas".

Respecto á modificación en marcha, ten subliñado que se dirixirá a revisar a normativa para que a obriga de constitución dunha garantía financeira coa que afrontar as medidas reparadoras necesarias en caso de accidente grave só afecte aos operadores que precisen deste mecanismo pola súa actividade.

Así mesmo, simplificarase o procedemento para determinar a garantía financeira e a tramitación dos expedientes de responsabilidade ambiental, segundo indicou.

Entre outras novidades, citou o proxecto de Real Decreto polo que se modifica o Regulamento de desenvolvemento da Lei de Responsabilidade Ambiental, cuxo prazo de información pública rematou recentemente.

Este Real Decreto, segundo precisou, introduce un anexo no que se definen os operadores que quedarán obrigados á constitución de garantía financeira e á realización de análise de riscos ambientais.

A Directora Xeral concluíu a súa intervención resaltando que "en calquera caso quedará garantido que a reparación dos danos ambientais que se poidan producir corran a cargo do operador responsable".

10º Congreso Nacional do Medio Ambiente

Dentro das principais conclusións deste congreso recóllese que sería precisa unha profunda reforma fiscal para incentivar as actividades con menor impacto ambiental e, ademáis, esta debería ser socialmente xusta.

En concreto, trataríase de introducir "unha verdadeira fiscalidade verde" no país, que incentive o uso máis eficiente dos recursos e penalice as actividades máis contaminantes, asegurando "unha redistribución xusta" das rentas para non perxudicar aos máis desfavorecidos. Tras esta idea, aparecen, nesta orde, a promoción do consumo de productos locais con menor pegada de carbono; a regulación do balance neto para favorecer que os particulares xeren a súa propia enerxía; e a creación de "bancos de hábitats" para financiar proxectos de conservación.

Enlace a "Congreso Nacional do Medio Ambiente" (CONAMA)

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS