Financiado por:
/ Medio ambiente

Os últimos verquidos contaminantes de Fukushima poden ter chegado ao Pacífico

26-08-2013 - Medio Ambiente

A Compañía Eléctrica de Tokio (TEPCO) pediu perdón este sábado polas fugas de auga radioactiva que se produciron desde a central nuclear de Fukushima-1 ao subsolo e ao océano Pacífico, segundo informou a televisión pública NHK. O vicepresidente de TEPCO, Zengo Aizawa, reuniuse co subgobernador da prefectura de Fukushima, Masao Uchibori, para pedir perdón polas verteduras contaminantes e asegurar que darán máxima prioridade a solucionar este problema. Interrogado sobre as causas, Aizawa admitiu que se tratou dun "erro humano" porque a válvula que regula a entrada de auga radioactiva desde os reactores nucleares aos tanques superficiais para almacenala estaba aberta.

O pasado 8 de agosto, o Ministerio de Economía, Comercio e Industria de Xapón revelou que diariamente se verten ao subsolo 1.000 toneladas de auga desde a central nuclear, das cales unhas 300 conteñen sustancias altamente radioactivas que chegan ao Pacífico.

   Co fin de frear as fugas, TEPCO inxectou un cóctel de axentes químicos para endurecer o subsolo e crear un muro subterráneo ao redor dos reactores nucleares un e dous e instalou unha rede de tubaxes para extraer as toneladas de auga radioactiva acumuladas.

   Hai unha semana, a compañía eléctrica comezou a bombear a auga radioactiva desde o subsolo até a superficie, a un ritmo de 60 toneladas diarias, para almacenala nos tanques que construíu ao redor da central nuclear.

   Con todo, os traballos para a construción dun muro subterráneo ao redor dos reactores tres e catro aínda están marcha, polo que se calcula que diariamente seguen liberando unhas 35 toneladas de auga radioactiva.

   Na última semana, TEPCO informou de varias fugas de auga radioactiva --de até 300 toneladas diarias-- dende un dos tanques do reactor catro e alertou de que é moi probable que a vertedura contaminante teña chegado ao Pacífico.

   Ademais, revelou que non detectou antes as fugas de auga radioactiva porque os tanques non teñen contadores e o único medio de control eran patrullas rutineiras, polo que ata que non se formaron charcos superficiais non saltaron as alarmas.

Neste contexto, o primeiro ministro xaponés, Shinzo Abe, ordenou ao Ministerio de Economía, Comercio e Industria que se implique directamente na solución ao problema das verteduras radioactivas e non descartou a utilización de fondos públicos.

   Ademais, a Autoridade Reguladora da Enerxía Nuclear (NRA) de Xapón decidiu elevar do un --que indica unha "anomalía"-- ao tres --que indica un "grave incidente"-- o nivel de alerta polas fugas de auga radioactiva desde Fukushima-1.

   A Axencia Internacional da Enerxía Atómica (AIEA), pola súa banda, expresou a súa preocupación polas fugas de auga radioactiva desde Fukushima-1 e ofreceu ao Goberno de Xapón a súa axuda para resolver este problema.

Os problemas en Fukushima-1 débense ao terremoto e o tsunami que o 11 de marzo de 2011 arrasaron a costa da prefectura xaponesa, dando lugar ao peor accidente nuclear da historia, xunto ao da central de Chernóbil, en Ucraína.

Fonte: europapress.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS