Financiado por:
/ Medio ambiente

O informe "descafeinado" de Europa sobre as rías galegas

09-12-2013 - MEDIO AMBIENTE

O borrador final do informe, malia non contar co consenso dos eurodeputados que formaron parte da misión que visitou Galicia, será finalmente votado o vindeiro día 16 de decembro na Comisión de Peticións. Determinaranse alí as recomendacións do Parlamento Europeo ás autoridades para limpar a contaminación das rías do Burgo, Ferrol e Vigo.

O borrador consta finalmente dun texto resumo onde se inclúen as valoracións tanto do xefe da misión que visitou as rías galegas, o conservador Philippe Boulland, como as das outras dúas eurodeputadas da delegación europea, a austríaca liberal Angelika Werthmann e a letoa dos Verdes Tatjana Zdanoka, e que son claramente contraditorias. A pesar disto, o debate deste relatorio mixto, que conseguira ser paralizado por estas dúas parlamentarias na última xuntanza,  si saíu agora adiante grazas ao voto a favor dos europarlamentarios socialistas e dos populares.

Tanto Angelika Werthmann como Tatjana Zdanoka xa advirten de que retirarán a súa sinatura do documento final se non se inclúe un anexo onde pretenden amosar a súa disconformidade cun relatorio que non cren que recolla a realidade sobre a pésima situación das rías e que se contrapón á visión do xefe da misión Philippe Boulland, que é a que predomina. "Sería algo inédito na UE que se aprobasen unhas recomendacións coa única sinatura dun dos membros da misión e coa súa única visión, unha mostra dun déficit democrático importante".

Porque as diverxencias que agora se confirman non foron sempre así. Boulland quedara impresionado coa situación das rías galegas, especialmente coa do Burgo. A súa idea era a de facer un informe moi crítico, tal e como advertira e tal e como lembran varios eurodeputados. Pero foi virando a posición e optou por redactar o seu texto sen contar coas outras europarlamentarias e obviando as críticas ás administracións presionado polo PP, segundo denuncian parlamentarios que reparan nunha situación anómala, nunca vista e que provoca un atraso inédito en informes deste tipo.

O conservador Boulland achegou un documento apoiado polo PP no que se evitan críticas á xestión das administración, óbviase a súa responsabilidade e destácanse os esforzos realizados pola comunidade autónoma e as administracións locais para resolver a contaminación. No entanto, Zdanoka e Werthmann foron moito máis críticas, destacando as continuas denuncias cidadáns e ecoloxistas sobre a situación das rías -en especial a do Burgo- e relatando unha contaminación que en declaracións tras a viaxe a Galicia non dubidaran en cualificar de "escandalosa" e na que falaban de "inmundicia inxustificable".

Agora, o borrador repite estas diverxencias, pero centra as súas conclusións en "recoñecer os esforzos realizados polas autoridades públicas en materia de depuración, que deron lugar á mellora de varias zonas" tras lembrar que dende a década dos 80 construíronse 150 plantas de tratamento de augas. Malia que se sinala que as setenzas dos tribunais europeos contra España supoñen "unha primeira medición do nivel de gravidade das infraccións e dos atrasos na aplicación das directivas europeas medioambientais", o documento evita incluír as graves denuncias dos peticionarios que si se incluían antes.

Sobre a planta de Reganosa, o borrador sinala que "recibiu todas as autorizacións necesarias para as súas actividades", aínda que "algúns eurodeptuados observaron certa proximidade con algunhas casas". Ademais, recomenda aos críticos que se apunten ás visitas guiadas que a empresa ofrece polas instalacións. En canto á ría do Burgo, destaca que varios parlamentarios quedaron "sorprendidos ante o espeso lodo acumulado que afectaba negativamente ás actividades cotiás da poboación e ao emprego local".

 

Fonte: Praza.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS