Financiado por:
/ Medio ambiente

O Xulgado paraliza as obras de encauzamento do río no Malecón de Sarria

26-03-2014 - MEDIO AMBIENTE

O Xulgado de Sarria ordenou a paralización das obras no Malecón de Sarria logo de se reiniciaren apenas unhas horas antes. A decisión xudicial devén da denuncia interposta pola Plataforma Sarriana polo Río. O movemento veciñal denunciou que a Conferencia Hidrográfica estaba a levar adiante o proxecto de encauzamento do río sen contar coa autorización de Patrimonio.

Tamén así, a organización ecoloxista ADEGA interpuxo unha solicitude urxente de paralización cautelar das obras perante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza. A demanda visa o cumprimento do Decreto 67/2007 para a salvagarda do bosque mentres o Comité galego de árbores senlleiras non emite unha resolución a respeito da catalogación dos ameneiros de Toleiro para os que foi solicitada esta consideración.

Integrantes do movemento veciñal en defensa do patrimonio etnográfico sarriao foron despexadas/os da Casa do Concello onde desenvolveron unha asentada en protesta pola actitude do goberno municipal. 

Após unha intensa campaña de rexeitamento ao proxecto de encauzamento do río Sarria, a Plataforma Sarriana polo Río foi testemuña esta mañá do reinicio das obras na ribeira. Nen o acordo alcanzado entre activistas e Concello freou a tala dos ameneiros que se atopan na ribeira do río e na illa do Toleiro.

As obras non evitarán as anegacións mais fará desaparecer o patriminio etnográfico

Desde que a Conferencia Hidrográfica, co visto e prace do Concello de Sarria, iniciou as obras de encauzamento do río a Plataforma veciñal impulsou unha forte campaña de presión para evitar a tala dos ameneiros que se atopan na ribeira do río. Estas árbores, protexidas a nivel europeo pola súa escaseza, toman parte dunha paisaxe autóctona.

O proxecto visa reurbanizar esta zona en aras de evitar, din desde a corporación municipal, o desbordamento do río. Neste senso, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil expropiaría o muíño do Toleiro argumentando que parte da súa finca se atopaba en zona anegábel e era o principal escollo para o cauce do río en caso de desbordamento.

A veciñanza rexeitou desde o comezo este plan porque o propio informe de obra indica que a medida podería minimizar as anegacións mais non eliminalas. A execución do proxecto terá un custe de 6.700.0000 euros que serán financiados con fondos públicos, o 70% procedente de fondos FEDER e o 30% a conta da propia Conferencia Hidrográfica.

Docentes da USC esixen que se ''reconsidere'' a tala de 178 árbores en Sarria

Docentes da Universidade de Santiago de Compostela pediron que as actuacións previstas "se reconsideren e se reorienten" para que non se execute a "inxustificada e cuestionábel" tala de ameneiros "que quebrantará a naturalidade dunha contorna privilexiada".

No texto, as/os docentes -pertencentes aos departamentos de Produción Vexetal e Enxeñaría Agroflorestal do campus universitario de Lugo e un deles, Rigueigo, unha referencia en materia arbórea a nível estatal- sosteñen que o proxecto tal e como está redactado obriga a cortar 178 ameneiros, unha especie autóctona en risco de desaparecer das marxes dos ríos "por mor dunha enfermidade".

Destacan que as árbores "contribúen a mellorar de maneira moi significativa a calidade ambiental" da vila e fixeron fincapé en que o bosque de ribeira está protexido pola Directiva Hábitat, da Rede Natura. Por derradeiro, informan ao ministerio español que os encauzamentos de cursos de auga "van quedando anticuadas nas sociedades avanzadas en aspectos ambientais", onde estas actuacións se mudan por outras "respectuosas co medio e coa paisaxe".

 

Fonte: Sermosgaliza.com

Imaxe: Plataforma Sarriana polo Río


Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS