Financiado por:
/ Medio ambiente

O Estado español suspende o exame da loita contra o cambio climático

12-01-2016 - CAMBIO CLIMÁTICO

O Índice de Comportamento ante o Cambio Climático sitúa ao estado Español no posto 41 de 61 analizados; Para remarcar as carencias das políticas nesta materia os tres primeiros postos quedan baleiros e Dinamarca, Gran Bretaña e Suecia serían, por esta orde, os países con maior compromiso. Segundo Wendel Trio, director da Rede de Acción Climática, “España reverteu o apoio ás renovables nos dous últimos gobernos, algo que fora prometido ás empresas, e non hai unha política climática”, isto fixo que baixara 12 postos entre o 2014 e o 2015, pasando así ao posto 41 dos 61 analizados.

Dos cinco graos establecidos, a avaliación dálle a España a nota de resultado “pobre” (o cuarto grao), por diante de Nova Zelandia, Brasil, Bielorrusia, Austria, Ucraína e China (47), pero peor clasificada que Polonia, Grecia, Estados Unidos (34), Holanda, Noruega, Malaisia ou Alxeria, que están no mesmo rango. Arabia Saudita, Kazaxistán, Australia, Xapón, Corea e Canadá están nos últimos lugares desta clasificación e, do mesmo xeito que Rusia ou Arxentina, obteñen un rating “moi pobre”.

Para a avaliación deste índice tivéronse en conta cinco factores: os niveis de emisións, as tendencia destas, o apoio ás renovables, a eficiencia enerxética e as políticas climáticas nos diversos sectores. A avaliación tivo o asesoramento de Josep Puig, experto en enerxía e presidente de Eurosolar en España. “Evidentemente, España vai ao revés do que se está facendo en todo o mundo. Fomos pioneiros en enerxías renovables, pero os últimos gobernos cargáronse as realizacións que levaron a cabo”, sostén. Puig móstrase escéptico sobre o anuncio do PP da aprobación dunha lei de cambio climático o próximo mandato. “Este anuncio é un insulto, non merece a credibilidade, visto o feito coas renovables”, di. Este experto sinala que a outra gran carencia é a falta de políticas en cambio climático. “Non hai políticas enerxéticas, excepto no sector eléctrico; pero faltan accións en materia de transporte, agricultura ou usos térmicos. Non ten sentido que haxa que queimar gas para quentar auga, cando somos o país con máis horas de sol en Europa”, conclúe.

O estudo destaca que en todo o mundo “detéctanse tendencias que marcan prometedores cambios nalgúns dos sectores máis relevantes para a protección climática así como importantes pasos cara a unha transformación do sistema enerxético”. Estase a baixar a intensidade enerxética -o uso da enerxía en proporción á riqueza xerada-. Fálase dun proceso de descarbonización da economía, que é tanto como facer menos uso do carbón, o petróleo e o gas. E un dato crucial: “nos anos 2013 e 2014 vimos por primeira vez que a nova capacidade instalada en enerxías renovables era superior ás das outras enerxías combinadas, carbón, nuclear e gas”, resume Jan Burck, autor do estudo.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS