Financiado por:
/ Medio ambiente

ESCÁNDALO: Os ‘papeis secretos’ dos pesticidas, divulgados por PAN Europa, delatan a complicidade de funcionarios da UE cos fabricantes

23-07-2019 - MEDIO AMBIENTE

Máis de 600 documentos desvelan o comportamento de funcionarios da UE protexendo os intereses de multinacionais do sector químico e agrícola. Efectivamente os papeis secretos dos pesticidas, liberados por orde do Tribunal de Xustiza Europeo, mostran unha loita interna para definir criterios científicos que permitisen identificar e prohibir os pesticidas máis daniños. A análise de máis de 600 documentos foi posible despois dunha batalla legal de dous anos gañada por Pesticide Action Network Europe (PAN).

Os citados  documentos desvelan o comportamento dos funcionarios da UE que trataron de protexer os intereses químicos e agrícolas das multinacionais das normas europeas destinadas a protexer á poboación e o medioambiente. Esperábase que se prohibisen directamente ata 32 praguicidas de alteración  endocrina. Finalmente oito dos 32 pesticidas foron retirados por razóns distintas aos criterios da perturbación  endocrina. Ningún foi prohibido e poucos o serán polos danos causados, aseguran en fontes de PAN.

Acúsaselle directamente ao secretario xeral da Comisión Europea de orquestrar un proceso de avaliación de impacto defectuosa (documentos 42.559 ). Os seus estraños resultados restaron importancia aos impactos na saúde. Este funcionario xustificaba en 2016 que mentres máis pesticidas permanecesen en uso, menor sería o impacto sobre a saúde e o medio ambiente (documento 560); e que cantos menos pesticidas de alteración  endocrina se identificaran, tanto mellor (documento 273).

O fallo do Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas puxo fin aos dous anos consecutivos de segredo. “Levounos anos conseguir estes documentos. Fixeron todo o que puideron para mantelos en segredo. O que revelaron sorprendeume, mesmo despois de 15 anos traballando con pesticidas. Como poden os funcionarios de saúde tratar de torcer unha lei deseñada para protexer ás persoas en algo que fai o contrario, en nome das industrias que causan enfermidades graves?”, pregúntase  Hans  Muilerman, coordinador de políticas químicas de PAN Europa.

“Cremos que queren ver un sistema agrícola globalizado no  molde de  Monsanto, libre de regulacións significativas. O seu obxectivo era permitir unha exposición a pesticidas máis alta do que a lei pretendía. Estas revelacións poderían alimentar a preocupación popular de que os intereses das empresas deféndense en Bruxelas. Entendemos esa preocupación, pero algúns departamentos loitan por decisións xustas e baseadas en feitos”, explica  Hans  Muilerman.

Na última década o número de pesticidas aprobados pola UE duplicouse. Un informe do  PNUMA/OMS datado en 2012 xa alertaba que as enfermidades relacionadas co sistema  endocrino aumentan a nivel mundial, coa exposición química xogando un papel importante. A axencia química sueca KEMI informou en 2008 que 14 pesticidas deberían ser prohibidos sen demora. Varios permanecen no mercado, incluíndo Epoxiconazole, Mancozeb, Metconazole, Thiacloprid e Tebuconazole.

Fonte: A  Celosía

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS