Financiado por:
/ Medio ambiente

A contaminación atmosférica resta anos de vida

15-01-2014 - CONTAMINACIÓN

Estar sometido día tras día e durante anos á contaminación atmosférica non só aumenta considerablemente o risco de cáncer, especialmente o de pulmón, tamén resta anos de vida.

Así o demostra un novo estudo, o máis grande realizado ata a data e no que participa o Estado español. Concretamente, por cada incremento anual de cinco microgramos por metro cúbico dunhas partículas contaminantes coñecidas como PM 2.5, presentes no fume do tráfico, a calefacción urbana e as plantas eléctricas de carbón, aumenta o risco de morte prematura nun 7%.

E o peor é que este roubo de vida acontece mesmo cando os valores destas partículas en suspensión están por debaixo dos límites máximos establecidos por Europa, 25 microgramos por metro cúbico ao ano. É dicir, non hai limiares seguros e así confírmao cada un dos estudos que se van publicando sobre os efectos da contaminación ambiental. Os últimos sinalaban que precisamente os niveis permitidos pola UE son capaces de aumentar o risco de morrer por un problema cardíaco e aínda máis. As nais expostas á emisión de contaminantes na atmosfera son significativamente máis propensas a ter fillos de baixo peso ao nacer.

Unha suma de evidencias que agora se renova coa conclusión desta investigación, liderada por Rob Beelen, da Universidade de Utrecht (Países Baixos). "Poucos estudos analizaron a relación entre as partículas en suspensión PM 2.5 e a mortalidade", argumenta o autor. Co obxectivo de descubrilo, iniciouse un gran proxecto composto por 13 países europeos, entre eles o Estado español, a través do Centro de Investigación en Epidemioloxía Ambiental (CREAL) e do Ciber en Epidemioloxía e Saúde Pública -Ciberesp-. En total, solicitáronse datos de 367.251 persoas de 22 estudos diferentes durante case 14 anos.

Outros factores de mortalidade

Por un lado, medimos as concentracións dalgúns dos contaminantes que máis problemas causan na saúde, como as partículas en suspensión (PM2.5, PM10) e o dióxido de Nitrógeno", relata o estudo que publica esta semana a revista The Lancet. De forma paralela, tomouse nota de condicionantes da mortalidade como o tabaco, a actividade física, o nivel socioeconómico, a educación ou o índice de masa corporal.

Entre os participantes, durante o período de seguimento rexistráronse 29.076 mortes naturais (non se tiveron en conta as ocasionadas por un accidente ou suicidios). Así, afirman os autores do traballo, "as PM 2.5 demostraron ser unha grande ameaza para a saúde mesmo por debaixo dos límites permitidos na lexislación europea". Por cada incremento anual de cinco microgramos por metro cúbico, aumentaba o risco de morte prematura un 7% e os resultados eran consistentes ao axustalos con outros factores de risco, como os anteriormente mencionados (tabaco, alcohol...).

Dadas as conclusións sobre os efectos nocivos das partículas en suspensión PM 2.5 e que a Organización Mundial da Saúde (OMS) se mostra máis esixente cos límites (recomenda non superar os 10 microgramos por metro cúbico), apoiamos a idea de ser máis ríxidos en canto ao umbral legal [...] Acarrearía significativos beneficios para a saúde da poboación", propón Marck Nieuwenhuijsen, un dos investigadores do CREAL encargados do estudo no Estado español, que falou co MUNDO. "Os niveis legais actuais son demasiado altos e, aínda que non existe un límite con risco cero, convén reducilos para mellorar a saúde". Non obstante, agrega, "require un importante investimento que agora, coa crise, ninguén está disposto a facer". Unha inxección económica, por exemplo, "para producir coches eléctricos, pero a xente tería que compralos. É unha situación difícil, así que o máis realista, de momento, é recomendar substituír o coche pola bicicleta ou o transporte público".

Segundo apuntan nun comentario adxunto ao estudo, para Jeremy Langrish e Nicholas Mills, da Universidade de Edinburgo (Reino Unido), "aínda que nos últimos 50 anos se lograse mellorar a calidade do aire, os datos de Beelen e os seus colegas recordan que debemos seguir atentos aos efectos da contaminación sobre a saúde". E agrega: "Trátase dun grande estudo que, aínda que ten algunhas limitacións (non se extrapolan as causas de morte e as medidas dos contaminantes puideron ser mal clasificadas ), subliña a necesidade de deseñar políticas para reducir a morbilidade e a mortalidade en Europa e, en vista deste informe, a contaminación ten un papel importante nisto". Para a OMs, de feito, é unha prioridade.

 

Elmundo.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS