Financiado por:
/ Medio ambiente

A Eurocámara viaxa a Galicia polas denuncias de "alta contaminación" nas rías

11-02-2013 - Medio ambiente

A Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo, a Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón, a Confraría de Ferrol, Barallobre e A Coruña, o Comité Cidadán de Emerxencia de Ferrol... Son só alguns dos once colectivos sociais e políticos que presentaron queixas ante a comisión de peticións do Parlamento Europeo polos "altos niveis de contaminación" que sofren "diversas zonas costeiras" de Galicia, nomeadamente as rías de Vigo, Ferrol e O Burgo.

Ante a posibilidade de que a situación destes entornos naturais poida "vulnerar as leis europeas de protección ambiental", a Eurocámara comprobará sobre o terreo os efectos da contaminación cunha delegación de deputados e deputadas de diversos grupos políticos.

Dende a Eurocámara se explica que "a maioría das denuncias" xa foron "previamente discutidas en Bruxelas" cos colectivos que as formularon. Destes estudos previos, as autoridades comunitarias conclúen que "as causas da contaminación da auga semellan estar relacionadas na súa maioría co tratamento deficiente das augas residuais urbanas en varios puntos", así como "a existencia de diversas instalacións industrais na zona". Todas estas circunstancias serán "comprobadas sobre o terreo" en Vigo, Ferrol e A Coruña por parte dos eurodeputados.

Tendo en conta ademais que "tres das once" denuncias "xa desembocaron en procedementos de infracción abertos pola Comisión Europea" nos casos de Vigo e do Burgo, a delegación parlamentaria recompilará datos para, posteriormente, redactar un informe que será debatido na propia Eurocámara, que emitirá "recomendacións" para subsanar as deficiencias existentes e evitar así a contaminación e o risco de sancións para Galicia.

Fonte: praza.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS