Financiado por:
/ Igualdade

O trastorno de ansiedade dunha pediatra embarazada é un accidente de traballo

20-03-2019 - SENTENZA

A Sala Social do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía considera probada a orixe laboral do trastorno psiquiátrico que sufriu unha pediatra de Atención Primaria tras atender a un neno enfermo con meninxite. Deste xeito, a sentenza considera accidente de traballo o trastorno de ansiedade sufrido pola profesional e revoga o fallo do xulgado de instancia que considerou tal patoloxía como enfermidade común. Condena ao SAS e ao Instituto Nacional da Seguridade Social a rectificar a cualificación da continxencia, cos efectos económicos que se deriven.

A denunciante informou do seu embarazo ao Servizo Andaluz de Saúde (SAS) e este aplicou o protocolo de prevención de riscos laborais para o caso da gestante. Nesta actuación, a Administración valora enviar á gestante á súa casa, por entender que existe un risco para a súa saúde e para a do feto se continúa coa actividade asistencia que viña desempeñando ata ese momento, ou ben se adapta o posto de traballo.

No caso xulgado, o SAS optou por adaptar o posto de traballo, “sen cambio de funcións ou de tarefas”, pero cunha serie de recomendacións: evitar cargar con peso, estar de pé máis de 2 horas seguidas e “utilizar equipos de protección individual adecuados en atención a todos os pacientes, uso de máscara e luvas…”.

Ás poucas semanas de que a profesional recibise esas indicacións, atendeu na súa consulta a un neno con meninxite sen utilizar máscara nin luvas. O SAS puxo en coñecemento dos profesionais do centro de saúde o diagnóstico do menor e prescribíuselles a profilaxe para o caso. Ao coñecer os feitos, a demandante causou baixa por ansiedade reclamando a orixe laboral da patoloxía, pero o SAS e o INSS cualificou a súa baixa como enfermidade común; tamén chegou a esa conclusión un primeiro fallo xudicial, pero non así o TSX andaluz.

O Tribunal de Andalucía apunta que “aínda sendo incontestable que a súbita percepción do risco de contaxio padecido foi determinante da intensidade da resposta emocional e psíquica, e aínda que tampouco poida descartarse a influencia doutros factores relacionados ou non co traballo […] como a labilidade afectiva das embarazadas ou a personalidade da demandante, tales circunstancias non desvirtúan o nexo causal entre o traballo e a lesión psíquica sufrida pola actora”.

Do razoamento do Tribunal destaca o recoñecemento de que o accidente laboral “non require que o traballo sexa o factor exclusivo nin decisivo do dano, sendo suficiente con que se dea unha relación de ocasionalidade entre lesión e traballo”.

Fonte: Diario Médico

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS