Financiado por:
/ Igualdade

O Estado español condenado por violar o dereito dunha nai á xornada reducida

01-03-2013 - Maternidade

O Tribunal Europeo de Dereitos Humáns recoñece o dereito das nais a reducir a xornada laboral para coidar aos seus fillos. A institución, con sede en Estrasburgo, dá a razón a unha muller que chegou a pedir amparo ao Tribunal Constitucional porque o supermercado no que traballaba a tempo completo non aceptou a proposta de redución de xornada que ela presentou para encargarse do seu fillo, menor de seis anos. O Estado deberá agora indemnizala con 16.000 euros máis intereses de demora.

O caso remóntase a febreiro de 2003, cando a traballadora Raquel García Mateos, residente na localidade madrileña de Perales do Río, pediu traballar media xornada, distribuída en tres tardes á semana, de luns a mércores, para conciliar a súa vida laboral e familiar.

O empregador, cuxa identidade non facilita a sentenza, rexeitou concederlle esa quenda e no seu lugar ofreceulle rotación de mañás e de tardes, de luns a sábado. García Mateos decidiu entón acudir aos tribunais.

O Tribunal Europeo de Dereitos Humáns apoia a queixa da demandante e obriga ao Goberno español, como responsable último de que non se aplicou correctamente a decisión do Tribunal Constitucional, a indemnizar á muller.

"O Tribunal lembra que o Estado debe pór a disposición dos demandantes un sistema que permita lograr a execución correcta das decisións xudiciais", asegura a sentenza.

Ademais, engade que a intención inicial de García Mateos non foi obter unha indemnización, senón exercer o seu dereito á redución de xornada, pero nunca puido velo realizado. A violación do dereito constitucional non puido ser reparada pola xustiza española, conclúe.

O tribunal, no entanto, rebaixa sensiblemente a cantidade reclamada pola muller, até 16.000 euros, e obriga ao Goberno a abonala en tres meses. A decisión é recurrible ante a gran sala do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

 

Fonte: elpais.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS