Financiado por:
/ Gabinete

Estudo epidemiolóxico das enfermidades profesionais no Estado español de 1990 a 2014

08-05-2017 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - CIG

No marco da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2015-2020, recóllese que a prevención das enfermidades profesionais é un dos ámbitos preferentes de actuación sobre os que se debe traballar de maneira máis intensa, especialmente nos sectores e actividades con maiores índices de incidencia das mesmas.

Neste senso resulta perentorio e imprescindible promover o estudo e a investigación das enfermidades profesionais e enfermidades relacionadas co traballo, identificando mellor os axentes ou circunstancias que as causan, os seus efectos a medio e longo prazo, así como as medidas de prevención que sería necesario implementar.

Na consecución destes obxectivos, a Estratexia inclúese como liña de actuación dentro do Obxectivo 3:

Mellorar e promover o estudo e a investigación de enfermidades profesionais, así como a detección e comunicación das mesmas, coa máxima de antepoñer a prevención á rehabilitación.

E como prioridade para 2015-16 a seguinte medida:

Realización dun estudo epidemiolóxico das enfermidades profesionais no Estado español 1990-2014, que permita coñecer as tendencias e orientar a prevención, correspondendo ao Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade a súa elaboración.

Sen dúbida algunha, o coñecemento do número das enfermidades profesionais que realmente sofren os/as traballadores/as, así como en que actividades e lugares de traballo ocorren, permitiría elaborar accións preventivas máis eficaces e promover o diagnóstico precoz para favorecer o seu tratamento no momento máis efectivo, isto é, cando se manifestan os primeiros síntomas, fase na que con frecuencia un bo número das afeccións aínda son reversibles.

O recoñecemento oficial de que unha enfermidade está relacionada cun risco laboral, favorece que a ese risco se lle preste unha atención específica, o que debería orixinar unha mellora da prevención, poñer en evidencia o perigo, promover e difundir medidas de protección e facilitar a realización de controis máis eficaces cando ese risco é detectado.

En estrito senso, no Estado español o concepto de enfermidade profesional refírese aos casos que foron recoñecidos como tales polo Sistema da Seguridade Social, que restrinxe a concesión das compensacións aos casos para os cales o traballo é o único factor ou o máis importante. Así as cousas, as estatísticas sobre enfermidades profesionais non son realmente un sistema de información, senón un rexistro daqueles danos de orixe laboral que foron obxecto de compensación como enfermidade profesional, e que en moitos casos os seus resultados veñen desvirtuados e condicionados por factores tales como:

CONCLUSIÓNS

A sabendas destas e outras “dificultades” que sen dúbida reducen e alteran a magnitude da problemática das enfermidades profesionais no Estado español, procedemos a avanzar o capítulo de conclusións do presente estudo do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, que aporta os seguintes datos e recomendacións, e que seguramente abordaremos con maior profundidade en números posteriores:

1. No período 1990-2014 recoñecéronse no Estado español 388.829 enfermidades profesionais, o 63% corresponderon a homes e o 37 % a mulleres. As máis frecuentes foron as provocadas por axentes físicos (o 81,6% das recoñecidas), seguidas das enfermidades da pel (8,9%), as respiratorias (3,1%) e as causadas por axentes biolóxicos (3%). As enfermidades profesionais causadas por axentes carcinóxenos só representaron o 0,1% do total no período. Nos homes foi así durante os 25 anos estudados, pero nas mulleres, ao comezo do período, as máis frecuentes foron as enfermidades da pel, seguidas das infecciosas e parasitarias, e en terceiro lugar, as causadas por axentes físicos.

2. Nos últimos 25 anos multiplicouse por catro o número de enfermidades recoñecidas como profesionais polo sistema de Seguridade Social e o risco de enfermar a consecuencia do traballo multiplicouse por 2,4. O incremento foi superior nas mulleres, pero unicamente aumentaron os casos cualificados como leves e os sen baixa, que suman o 99% do total, mentres o número de casos graves é inferior ao de hai 25 anos, e o número de mortais non foi maior de 4 ningún dos anos estudados.

3. O peso da enfermidade profesional no sector industrial ten ido diminuíndo ano a ano ata o 2014 no que, cun 42% dos casos notificados ese ano, alcanzou o punto máis baixo da serie. O sector servizos foi aumentando a porcentaxe sobre o total; pasou dun 8% en 1990 a un 49,8% en 2014. Por outra banda, o sector da construción presentou un aumento ata o 2005 (21,5%) para, nos anos sucesivos, experimentar unha caída, chegando a ser no 2014 dun 6,2%.

4. O aumento da declaración foi máis pronunciado nos anos 1996 a 2001, alcanzando un máximo en 2005, con 30.030 enfermidades profesionais recoñecidas, e produciuse a conta do incremento das que afectan ao aparello locomotor. O ano 2006 marca un punto de inflexión, revertendo a tendencia ascendente que mostrara durante a década anterior e volvendo aos niveis de 1999. Nas enfermidades causadas por axentes químicos, biolóxicos, respiratorias, da pel e cancro non se observa esta tendencia, manténdose practicamente constante a súa incidencia ao longo de todo o período estudado.

5. A notificación de determinados casos de enfermidade profesional é moi baixa ou practicamente nula, en particular, no caso das enfermidades complexas e crónicas, como as respiratorias, o cancro e as producidas por axentes químicos en xeral. É necesario profundar na calidade das avaliacións de risco dos postos de traballo, na orientación específica a risco da vixilancia da saúde dos/as traballadores/as, na investigación, e na implicación do sistema de prevención no seu conxunto, na detección destas enfermidades.

6. Asturias, durante todo o período, e Aragón, Navarra, A Rioxa e País Vasco, desde a metade dos anos 90, son as Comunidades Autónomas que máis enfermidades profesionais declaran, con valores que oscilan entre 1,5 e 7,5 veces máis que a media estatal. O resumo da distribución xeográfica é que se observa un patrón no que destaca a elevada declaración na metade norte do país, unha brecha norte-sur que se mantivo durante todos os anos estudados.

7. De acordo cos resultados, o recoñecemento da enfermidade profesional é desigual entre homes e mulleres segundo a ocupación desempeñada ou a rama de actividade da empresa.  Aínda que as taxas crúas son inferiores en mulleres que en homes, ao axustar estas taxas pola actividade da empresa ou a ocupación do/a traballador/a, a idade e o ano de declaración, os riscos relativos pasan a ser case un 50% superiores en mulleres que en homes.

8. É necesario afondar nos sistemas actuais de información e vixilancia da saúde co fin de coñecer a verdadeira carga de enfermidade dos/as traballadores/as e a súa relación con ocupacións e exposicións, para que poidan deseñarse políticas de prevención de riscos laborais eficaces, mellorar a saúde pública da poboación e garantir a sustentabilidade dos sistemas sanitarios e sociais.

 

* Este artigo forma parte do sumario do Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 24, epígrafe Información. A través da ligazón ao boletín podes ver, descargar ou imprimir o texto. (dispoñible en versión galego e versión castelán)

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS